Europa na casa: das posibilidades de destruír a máquina

Von Manuel Xestoso

28.01.2016 / Teatro Crítico Universal

https://rgtcritica.wordpress.com/2016/01/28/europa-na-casa/

 

Hai preguntas con truco. Se agora mesmo se convocase un referendo sobre se a democracia é o sistema máis acaido para rexer de maneira xusta a convivencia é probable que –vistos os resultados que esta democracia está dando na realidade máis inmediata– unha maioría tivese o impulso de votar ‘non’. Mais iso sería interpretado coma un apoio ao totalitarismo. Se, pola contra, votásemos ‘si’, lexitimariamos o status quo e pechariamos a posibilidade dun cambio cara a un método de goberno máis atento ás inclinacións e ás aspiracións da cidadanía. Ese hipotético referendo actuaría baixo as categorías daquel chiste: susto ou morte?
Existe outra opción: iniciar un debate colectivo que indagase sobre a natureza da democracia, sobre os diversos sistemas de representación parlamentaria posibles, sobre o nivel de participación cidadá que sería desexable e operativo… En suma, aceptar que existen moi distintas formas de materializar a democracia (etimoloxicamente “poder do pobo”, lembremos) e que unhas se adecúan mellor ca outras ás necesidades de cada sociedade. E, en consecuencia, escoller aquel que máis satisfixese á maioría. Pero, claro, esta é a alternativa que o sistema nunca ofrece.
Europa na casa preséntase coma unha performance, desenvolvida en casas particulares, na que se cuestiona o papel dos cidadáns e cidadás na construción das institucións europeas. Unha especie de xogo de mesa no que os participantes son sometidos a preguntas e probas que tentan mostrar o nivel de aceptación do engrenaxe supranacional que, dun xeito un tanto soberbio, se identifica con Europa.
O xogo desenvólvese en cinco niveis que, teoricamente, se corresponden cos principais chanzos na construción da arquitectura institucional da UE. Comeza cunha serie de preguntas persoais (“cal foi a última vez que participastes nunha manifestación?”, “quen ten un traballo que lle dea para vivir?”, “quen mentiu algunha vez sobre a súa nacionalidade?”) que parece dirixido a que os xogadores se coñezan mellor entre eles. Obviamente, cada grupo funcionará dun xeito diferente, pero, en vista da dinámica creada na estrea en Compostela, semella que as persoas, cando non son sometidas a ningunha presión exterior, responden bastante ben ao tópico roussoniano de acreditar na bondade intrínseca dos seus semellantes.
Mais, paulatinamente, o obxectivo do xogo vai esvarando dende o coñecemento mutuo e a cooperación cara ao tacticismo e a competencia, e os participantes son agrupados en equipas que deben loitar por “un anaco da torta” que se cociña en directo.
Hai varios elementos interesantes no xogo. Un dos máis rechamantes é que as regras, preguntas e probas proceden dunha estraña máquina que expende tickets impersoais que non admiten impugnación e cuxas normas se expresan cada vez con menos claridade. Os construtores desta máquina –os membros da compañía– non participan nin dan explicacións das súas escollas. E non, ningún dos xogadores propuxo destruír a máquina e cambiar as regras: dáse por suposto que se entras no xogo debes acatar as normas ata o final.
Tampouco ninguén se rebelou ante a composición das equipas que compiten entre si e que son formadas polos organizadores baixo parámetros hipoteticamente derivados das respostas dadas na primeira parte do xogo, pero que incluían alianzas baseadas en argumentos tan arbitrarios como “a ningún deles lles tocou o premio gordo da lotaría”. É certo que iso explica algunhas das políticas de pactos que contemplamos a diario nos medios de comunicación, pero resulta bastante decepcionante que ningún dos xogadores expresase o desexo de aliarse con algunha persoa concreta coas que compartía a mesa.
E tampouco, curiosamente, ninguén fixo ningunha alusión sobre o pouco que tiña que ver a mecánica do xogo con Europa e cos problemas que a asedian e que repercuten directamente nas vidas dos seus habitantes. O continente quedou relegado a un pano de fondo sobre o que cada un dos participantes trataba de defender os seus intereses particulares.
Por suposto, os construtores da máquina non comunicaron as súas conclusións nin fixeron ningún comentario, nin sequera ao finalizar o xogo. Quizais porque lograron convencernos de que unha alianza económica do capital ten máis relación cos mitos da cultura clásica que cos discursos de Churchill. Sería interesante comprobar cal sería a súa actitude se, entre todos, tomásemos a decisión de botalos da casa e repartir a torta a partes iguais.


Projekte

Hausbesuch Europa